Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Santiago rende homenaxe á figura de Ánxel Casal


O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá un acto institucional en homenaxe ao alcalde republicano Ánxel Casal, organizado polo Concello de Santiago en colaboración cos concellos de Teo e Arzúa, municipios vinculados aos momentos finais da súa vida e da súa loita. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, referiuse á figura de Ánxel Casal como unha “referencia persoal e política” e anunciou a inminente posta en marcha da “Comisión da Memoria” para recuperar e visibilizar as historias dos veciños e veciñas de Compostela represaliados polo franquismo.

A homenaxe desta mañá contou coa participación da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; da tenente de alcaldesa, María Rozas; da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo; do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; así como doutros membros da Corporación municipal e de representantes de fundacións e asociacións veciñais, culturais e de memoria. Este acto institucional organizouse co obxectivo de honrar a dignidade colectiva das persoas que loitaron a prol da liberdade e da democracia e que foron represalias tras o golpe do 36, e nomeadamente a figura de Ánxel Casal, asasinado o 19 de agosto dese mesmo ano en Cacheiras.

Na súa intervención, a alcaldesa Goretti Sanmartín salientou a “faceta municipalista” de Ánxel Casal que se converteu en alcalde de Santiago o 23 de febreiro de 1936 cun discurso en galego, “a primeira intervención dun alcalde na nosa lingua nun acto solemne”. A rexedora recordou algúns dos logros acadados polo político e activista á fronte do consistorio como a “organización dos actos do Ano Xubilar Compostelán de 1937” e da “conmemoración do centenario dos nacementos de Rosalía de Castro e de Antonio López Ferreiro”, o proxecto para a creación dunha “cidade nova pensada para as persoas” ou o impulso da lingua galega, dotando ás escolas municipais de libros e dicionarios neste idioma.

Sanmartín tamén quixo lembrar outras figuras como a do alcalde José Germán Fernández e o concelleiro Manuel Maza Cardama, detidos tras o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e encarcerados na Falcona, así como outras persoas represaliadas pola ditadura franquista como María Miramontes, Consuelo Otero, Camilo Díaz Baliño e “tantas outras que aínda fican por dar a coñecer e facer visíbeis para dignificar as súas traxectorias a favor das liberdades democráticas”.

Así, a alcaldesa anunciou a posta en marcha dunha “Comisión da Memoria” que dará a coñecer “a traxectoria das 226 veciñas e veciños de Santiago de Compostela contabilizadas na investigación Nomes e Voces que sufriron represión no franquismo” e a instalación de “placas en lembranza das persoas que sufriron traballos forzados no campo de concentración da Lavacolla e das vítimas da represión que estiveron na cadea de Santa Isabel, nas Galeras”.

A rexedora tamén anunciou que o Concello de Santiago retomará para o 2024 o Premio Literario Ánxel Casal, en vigor desde 1996 até 2011 e dirixido a estudantes, xa que “é preciso que a mocidade compostelá coñeza o bo facer de Ánxel Casal”.

Pola súa banda, a primeira tenente de alcaldesa, María Rozas, manifestou que “é imposible facer xustiza con Ánxel Casal, e con tantos outros e outras, pero é obriga facer memoria para mirar cara o futuro e defender a democracia” e recordou que “no 86 aniversario do seu asasinato”, que se cumpre mañá, 19 de agosto, “non é preciso afondar no compromiso de Ánxel Casal pola nosa lingua, pola nosa cultura e por Galicia”, xa que “ahí están as probas do que non necesita ser probado”, un legado “que debemos reivindicar”. Collendo de referencia as verbas do propio Casal, María Rozas tamén fixo un chamamento “á unidade de todos e de todas, sexan da escola e da banda que sexan, non pode haber diferencias cando se trata da democracia, de condenar a barbarie e de homenaxear o noso alclade de honra”.

No acto tamén interviron a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, e o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, ambos municipios vinculados á vida do homenaxeado e ao seu tráxico final, xa que tras a sublevación franquista refuxiouse na casa dun parente en Arzúa onde foi detido un 4 de agosto para ser logo asasinado en Cacheiras, Teo, o 19 do mesmo mes.

Ánxel Casal

Alén de ser o alcalde de Santiago de Compostela en 1936, Ánxel Casal tamén foi vicepresidente da Deputación da Coruña, impulsor do Estatuto do 36, membro do Partido Galeguista e integrante das Irmandades da Fala.

A traxectoria política de Ánxel Casal estivo estreitamente vinculada a un intenso labor cultural, a través da súa faceta de impresor e editor e do impulso á normalización da lingua galega. Tanto el como a súa muller, María Miramontes, tiveron unha importancia destacada en diversos proxectos tanto para Santiago como para o conxunto do país, como proba a fotografía que recolle a presenza de ambos os dous na entrega do Estatuto de Autonomía de 1936 en Madrid.